Redeaxuda profundará na coordinación técnica para adiantarse ás situacións de emerxencia social

Pontevedra
07 de febreiro 2018

Representantes da Fundación Amigos de Galicia, Cáritas, Calor e Café, Comedor San Francisco, Rexurdir Provincial, Club de Leones, Fundación Secretariado Xitano e Proxecto Home mantiveron este mércores unha reunión de traballo para avaliar o funcionamento da Redeaxuda

Xuntanza dos coordinadores da Resdeaxuda
Xuntanza dos coordinadores da Resdeaxuda / Mónica Patxot

Representantes da Fundación Amigos de Galicia, Cáritas, Calor e Café, Comedor San Francisco, Rexurdir Provincial, Club de Leones, Fundación Secretariado Xitano e Proxecto Home mantiveron este mércores unha reunión de traballo para avaliar o funcionamento da Redeaxuda. A Fundación Meniños escusou a súa ausencia desta xuntanza.

Todos coincidiron en sinalar "a boa engrenaxe" que manteñen para cubrir de xeito coordinado as demandas sociais existentes. Exemplos como o protocolo do frío ou o reparto de alimentos son a proba do bo funcionamento de Redeaxuda pero queren dar un paso adiante máis.

Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro "hai unha grandísima colaboración pero queremos afondar na coordinación, avaliar as novas situacións sociais e planificar o traballo para adiantarnos as necesidades e emerxencias que poidan xurdir".

As entidades que integran a Redeaxuda constatan un cambio de perfil nos demandantes de axuda social, que ten moito que ver coa crise económica e a precariedade laboral, unha realidade que é común ao conxunto de Galiza e do Estado.

Nos últimos tempos constátese unha diminución do número de persoas novas demandantes de axudas de emerxencia e un aumento de maiores de 50 anos, que remataron a prestación de desemprego e quedan fóra do mercado laboral e tamén de traballadores pobres aos que non lles chega o salario para atender as necesidades básicas. Cuestións como a pobreza enerxética están ao orde do día.

Quérese ir un paso por diante, afondar na planificación para dar unha resposta inmediata a futuras demandas. Neste senso promoveranse reunións técnicas, das traballadoras sociais das entidades que traballan coas persoas en risco de exclusión social, para estar atentos a calquera incidencia social e preparados para darlle resposta.