Óscar García aposta por un equipo marcado pola continuidade tras ser reelixido decano da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra.
O 88% das persoas participantes na Xunta de Facultade, que se celebraba este xoves, apoiaron a súa candidatura, a única que concorría ao proceso electoral.
Desta forma, Óscar García afrontará un segundo mandato no centro, despois de asumir o cargo de decano en 2021.
É profesor da área de Educación Física e Deportiva, no Departamento de Didácticas Especiais e integrante do grupo de investigación HealthyFit, no que coordina o Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar,
Nas votacións lograba 45 apoios, cinco votos en contra e un en branco. O decano mostrouse "agradecido por un apoio absolutamente positivo, pero que xera unha maior responsabilidade aínda", segundo publica o DUVI.
O seu obxectivo principal para este mandato é contribuír a que o centro sexa "un espazo de liberdade no que cada membro da comunidade universitaria poida atopar o seu sitio e desenvolver o seu labor da mellor maneira posible".