Reformado o parque infantil de Valentín García Escudero cun investimento de 12.000 euros

Pontevedra
23 de agosto 2021

Despois dun mes de obras, este espazo xa está acondicionado coa mellora do amortecemento do pavimento de caucho e a reforma dos elementos de xogo. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, iván Puentes, e o tenente de alcalde, Tino Fernández achegáronse ás instalacións este luns para anunciar a súa reapertura

Os concelleiros Iván Puentes e Tino Fernández visitan o parque infantil de Valentín García Escudero
Os concelleiros Iván Puentes e Tino Fernández visitan o parque infantil de Valentín García Escudero / Concello de Pontevedra

Desde este luns, o parque de Valentín García Escudero, situado preto da Ponte do Burgo, volve estar dispoñible para o público infantil despois dun mes no que se atopou pechado por obras.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, anunciaban este luns esta reapertura dunha zona de xogo moi utilizada por escolares desta contorna do centro histórico.

Cun investimento de 12.000 euros restaurouse o pavimento de caucho, mellorando o amortecemento, tal e como establece a normativa europea e o Decreto autonómico sobre as condicións destes espazos.

Reparáronse tamén os elementos de xogo, que teñen estrutura de barco. Cambiáronse cordas, pezas, parafusos e ancoraxes que se atopaban deteriorados ou en mal estado. tamén se trataron os elementos de madeira con verniz e pintado. Ademais, cambiouse o anterior peche perimetral metálico que se atopaba  oxidado por un novo valado de madeira.

Segundo Iván Puentes, este parque cumpre agora as máis estritas condicións de seguridade, tanto para evitar danos nas caídas como nas distancias entre xogos e conservación de superficies.