Reforman a estrada provincial EP-8403 na parroquia cuntiense de Arcos de Furcos

Umia
02 de outubro 2021

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, visitou este sábado xunto cos concelleiros do grupo de Goberno as obras de mellora da EP-8403 na parroquia de Arcos de Furcos

Obras de mellora da estrada provincial EP-8403 na parroquia de Arcos de Furcos.
Obras de mellora da estrada provincial EP-8403 na parroquia de Arcos de Furcos. / Concello de Cuntis

Este sábado, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, acompañado polos concelleiros Ana Loureiro e José Treviño visitaron as obras de mellora da estrada provincial EP-8403 na parroquia de Arcos de Furcos.

A reforma fora solicitada polo propio rexedor cuntiense á Deputación de Pontevedra xunto con outras melloras que se acometerán por tramos.

Nesta primeira fase, que afecta a un treito de dous quilómetros, acométese a limpeza de cunetas e drenaxes aplicándose unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente, e renovarase a sinalización horizontal co pintado da vía.

O alcalde agradeceu o compromiso da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, coa mellora da cohesión territorial da provincia e da calidade de vida dos veciños.

Así mesmo, Manuel Campos reiterou a aposta do grupo de goberno polo rural e engadiu que este tipo de obras "é necesario que se acometan por fases dado o gran esforzo investidor que necesitan" para a súa execución "e demostran, unha vez máis, que o goberno local tivo e ten un plan de traballos para a veciñanza de Cuntis".