Reformar o auditorio Emilia Pardo Bazán custará preto de 1,8 millóns

Sanxenxo
20 de xullo 2023

A tramitación administrativa para as obras de rehabilitación do auditorio Emilia Pardo Bazán, en Sanxenxo, xa están en marcha. O Concello sacou a licitación eses traballos por case 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses

Pazo Emilia Pardo Bazán, en Sanxenxo
Pazo Emilia Pardo Bazán, en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A tramitación administrativa para as obras de rehabilitación do auditorio Emilia Pardo Bazán, en Sanxenxo, xa están en marcha. O Concello sacou a licitación eses traballos por case 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses.

O prazo de presentación das ofertas concluirá o 16 de agosto. A obra contará cunha subvención de 1.479.000 euros procedente do programa de axudas para rehabilitación de patrimonio público que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Este auditorio foi construído en 2002 e, nestes momentos, presenta importantes deficiencias enerxéticas tanto lumínicas como térmicas e limitacións de accesibilidade.

No novo proxecto contémplase melloras de iluminación, remodelación do patio de butacas, renovación da climatización do espazo, a substitución completa da cuberta, así como melloras tecnolóxicas que axuden a convertelo nun edificio eficiente.

O Pazo Emilia Pardo Bazán é o equipamento público con máis departamentos relacionados coa cultura e educación do municipio.

Alberga a Biblioteca, a Escola de Música Municipal, a Banda de Música Municipal, o Centro de Arte, a área de Animación Sociocultural, Educación de Adultos e o departamento de Orientación Laboral. Ademais do salón de actos, o edificio conta con catro salas polivalentes para o desenvolvemento de distintas actividades e un local de ensaio para a Asociación Cultural Abiñadoira.

O obxectivo da reforma é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a das terrazas e os patios exteriores e o seu mantemento. 

Prevese a instalación de elementos de illamento acústico nas zonas da biblioteca, as salas de ensaio e a sala de música, cunha ampliación da funcionalidade destes espazos. 

Ademais, exponse unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcamentos para bicicletas e patinetes.

A reforma supoñerá, por tanto, a mellora da envolvente térmica do edificio, a optimización dos sistemas de climatización, un aforro enerxético en luminarias, o consumo de auga e a aposta pola mobilidade alternativa, medidas de illamento acústico, solucións de accesibilidade sensorial e cognitiva no auditorio e a integración coa contorna.