Reforzan a iluminación en 24 pasos de peóns en Campolongo

Pontevedra
14 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O sistema lumínico instalado fai que a luz incida na totalidade do corpo da persoa que cruza, tanto ao longo da zona de espera como no espazo cebrado. Deste xeito, esta iluminación permite aos condutores detectar o paso de peóns a grandes distancias

O concelleiro Xaquín Moreda revisou as novas luminarias
O concelleiro Xaquín Moreda revisou as novas luminarias / Concello de Pontevedra

Pasos de peóns das rúas María Victoria Moreno, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Xeneral Antelo Rubín e Eduardo Blanco Amor presentan un novo sistema de iluminación instalado polo Concello de Pontevedra.

Trátase dun reforzo lumínico para 24 pasos de peóns situados no barrio de Campolongo, que foron revisados por Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos Urbanos básicos.

Conforman 48 sistemas que utilizan a tecnoloxía optoelectrónica LED. Esta tecnoloxía axuda a eliminar situacións de alto risco viario ao dirixir o fluxo de luz cara ao punto en que é necesario, no plano vertical. 

A luz incide na totalidade da persoa que cruza, tanto ao longo da zona de espera na beirarrúa como na do paso peonil. Desta forma, os condutores detectan o paso de peóns a grandes distancias.

Neste recoñecemento anticipado tamén é clave a utilización dun sensor de infravermellos. Este sensor atópase conectado a través dunha rede de nodos Wireless e dá orde de intensificar a iluminación vertical ante a presenza de peóns nos dous lados da calzada, segundo informa o Concello.

A estes dispositivos súmase Traffic Pulse, un sistema de bailzamiento intermitente que se integra na columna do farol e axuda a percibir os pasos en situacións de dobre fila, cando se obstrúe o ángulo de visión por parte de vehículos que se atopan mal estacionados.

Estas balizas modifican o seu modo de iluminar no caso de detectar peóns e chaman a atención dos condutores imitando a frecuencia lumínica dos vehículos de emerxencia.