Reforzan a seguridade no almacén para residuos perigosos do punto limpo de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
02 de abril 2019

O punto limpo de Cerdedo segue a mellorar a súa seguridade. As instalacións municipais, emprazadas na estrada EP-7103 á altura de Deán, veñen de reformar o almacén de residuos perigosos e de instalar os correspondentes elementos identificadores

Punto limpo de Cerdedo
Punto limpo de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O punto limpo de Cerdedo segue a mellorar a súa seguridade. As instalacións municipais, emprazadas na estrada EP-7103 á altura de Deán, veñen de reformar o almacén de residuos perigosos e de instalar os correspondentes elementos identificadores.

O obxectivo destes traballos, que contaron cunha subvención do Goberno, era converter este punto limpo nunha instalación máis funcional e visible, o que contribuirá segundo o Concello de Cerdedo-Cotobade a incrementar o seu uso entre a veciñanza.

En concreto, consistiron na colocación de paneis informativos para identificar os contedores e favorecer o axeitado depósito de residuos, un tótem informativo na porta de entrada e placas identificativas dos restos perigosos.

No recinto levouse a cabo a súa impermeabilización con paredes de formigón, a instalación de rexiñas de aireación e dunha porta de acceso con seguridade reforzada e unha mellora do sistema de recollida de posibles derrames.

Esta dobre actuación complementa outro proxecto anterior que consistiu na reforma da entrada, a caseta de información e a instalación de sistemas de videovixilancia.

Todo iso enmárcase no plan de investimentos do punto limpo, que leva funcionando dende hai máis de dez anos e que veu incrementada a súa actividade pola incorporación da poboación correspondente ao territorio de Cotobade nos últimos dous anos.