Reforzan o autobús directo entre Pontevedra e Sanxenxo e inclúen Portonovo no percorrido

Pontevedra
17 de xullo 2026

A liña directa pola AP-9 chegará por primeira vez até Portonovo e reforzará as franxas horarias con maior demanda durante o verán. Estes cambios aplicaranse desde o luns 20 de xullo

Autobús en Sanxenxo
Autobús en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Xunta reforzará a partir do próximo luns 20 de xullo a conexión de autobús entre Pontevedra e Sanxenxo con motivo da tempada estival.

A principal novidade será a ampliación da liña directa pola AP-9 até Portonovo, ademais da incorporación de novas paradas na cidade de Pontevedra e un incremento das frecuencias nas horas de maior demanda.

O servizo directo, que nos últimos veráns finalizaba en Sanxenxo, estenderá agora o seu percorrido até Portonovo, considerado o principal núcleo turístico do municipio e un dos principais puntos de orixe e destino de viaxeiros durante os meses estivais.

A liña contará con paradas na zona do mercado e en Baltar, evitando que os usuarios teñan que desprazarse previamente até a estación de autobuses de Sanxenxo para acceder ao servizo.

Ademais, a oferta reforzarase con novos servizos. De luns a venres incorporarase unha saída desde Portonovo ás 20:35 e nos fins de semana e festivos tamén haberá outro servizo ás 20:55.

Da mesma maneira, e con orixe en Pontevedra, este reforzo estival engade unha saída ás 12:00 para os días laborables.

Outra das melloras será a incorporación de dúas novas paradas na avenida María Vitoria Moreno, en Pontevedra, co fin de achegar o servizo directo a un maior número de usuarios sen incrementar os tempos de viaxe.

Doutra banda, e como parte da mellora dos servizos ofertados, reorganizaranse os horarios das distintas liñas para mellorar a coordinación entre os servizos directos pola AP-9 e os convencionais por estrada.

Deste xeito, os viaxeiros que se despracen entre Pontevedra e Sanxenxo poderán utilizar preferentemente os servizos directos, mentres que as liñas convencionais disporán de maior capacidade para atender a quen viaxan cara ás paradas intermedias.

Con motivo de todos estes cambios, a Xunta recomenda aos viaxeiros consultar os horarios actualizados antes de viaxar nos sitios web bus.gal e mobt.xunta.gal, así como nas aplicacións de Transporte Público de Galicia e MoBT.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora