Regresa a Soutomaior ‘Novas Sendas’, un programa municipal impulsado en 2024 para mellorar a formación entre a poboación do concello.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, presentou unha nova edición do programa e explicou que os resultados de 2024 foron moi positivos, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo.
Así, case un centenar de persoas completaron os diferentes cursos ofertados e, segundo a información do Concello, "o alumnado quedou moi satisfeito" e valorou a formación recibida como "de gran calidade e utilidade porque lles permite completar e mellorar o seu proceso de empregabilidade".
Manu Lourenzo sinalou que os resultados do ano anterior "poñen de manifesto a gran oportunidade que o programa ‘Novas Sendas’ ofrece aos veciños e veciñas de Soutomaior porque "abre unha vía de intermediación que pon en contacto demandantes e empresas con procesos de selección de persoal abertos que conclúen coa contratación das persoas que participan nesta formación".
O obxectivo do Goberno de Soutomaior é minimizar os efectos negativos que provoca o desemprego, a falta de cualificación para a adaptación ás necesidades do mercado laboral e a falta de recursos de formación permanente das persoas no contexto de Soutomaior.
Nesta segunda edición, ofrece os seguintes cursos: carretas elevadoras, dependente/-a polivalente, manipulación de alimentos, monitor/-a de tempo libre, auxiliar de atención sociosanitaria en domicilios e prevención de drogodependencia para a mediación xuvenil.
A inscrición nestes cursos faise na páxina web do concello.
Ademais, o Goberno de Soutomaior ofrece un curso de novas tecnoloxías para persoas maiores de 60 anos que se imparte no Local Social para a terceira idade de Arcade.
As inscricións para este curso fanse de maneira presencial no propio edificio.