Entre o venres 23 e o domingo 25 de febreiro, os amantes do lacón terán unha oportunidade de degustar este produto en formato tapa nunha nova edición de TapaLacón, o aperitivo da festa gastronómica máis importante de Cuntis, a do Lacón con Grelos.
Esta cita co lacón para abrir boca antes da festa está organizada polo Concello a través da Concellería de Turismo e conta coa implicación do sector hostaleiro total. Nesta ocasión serán un total de 10, ao igual que na edición de 2023, os locais que se suman á festa.
Estes dez establecementos ofrecerán por un prezo dun euro tapas elaboradas con ingredientes típicos do lacón con grelos.
Os establecementos participantes son A Bolera, O Moncho, Don Manuel, O Traspaso, A Casa da Burga, O Parladoiro, O Paseo, O Fogar do Pensionista, A Morena e A Fontiña.
As persoas que consuman estas especialidades entrarán no sorteo de diferentes agasallos.
O horario do TapaLacón será de 19.00 a 23.30 horas tanto o venres 23 como o sábado 24, mentres que o domingo 25 serviranse desde as 11.00 horas, ata as 15.30.
Durante estas tres xornadas, a Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis e o grupo folclórico Hai que Roelo encargaranse de amenizar o evento.
O alcalde, Manuel Campos, amósase convencido de que esta nova edición do TapaLacón volverá ser un éxito, ao igual que en anos anteriores. Na cita de 2023 despacháronse máis de 3.500 tapas entre todos os establecementos participantes.
O rexedor agradeceu o compromiso e a implicación do sector á hora de impulsar iniciativas que "axudan a dinamizar a actividade na nosa vila" e fixo un chamamento á veciñanza do concello e da contorna para que proben as deliciosas elaboracións baseadas no lacón con grelos que se ofrecerán durante a vindeira fin de semana.