A rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra, nas mans de Patrimonio

Pontevedra
05 de marzo 2025

Con Santa Clara e o avance nos edificios centrais do Museo, destacou Rafa Domínguez, "estamos construíndo o mellor museo provincial de España" que, segundo garantiu, "vai ser un orgullo para todos"

Edificios centrais do Museo de Pontevedra
Edificios centrais do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

Tres meses. É o prazo no que a Deputación de Pontevedra agarda recibir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra, que levan xa once anos pechados ao público.

Unha vez que Patrimonio dea o seu aval, segundo explicou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, chegará o momento de pedirlle a licenza de obras ao Concello.

"A intención é abrir estes edificios canto antes", subliñou Domínguez, que reitera que o anterior goberno da Deputación "non fixo nada" con respecto a este proxecto.

O responsable político do Museo entende que "non debería haber moitos problemas" para que Patrimonio autorice esta actuación.

Esta intervención, finalmente, manterá o camarote do almirante Méndez Núñez, unha das estancias singulares do edificio orixinal da institución.

Co traslado do proxecto a Patrimonio, asegurou Rafa Domínguez, "entramos nunha nova fase" para seguir avanzando nesta ansiada rehabilitación.

Con Santa Clara e o avance nos edificios centrais do Museo, destacou Domínguez, "estamos construíndo o mellor museo provincial de España", un museo que segundo garantiu "vai ser un orgullo para todos".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora