Rehabilitar o novo local social de Filgueira custará 89.000 euros

Cerdedo Cotobade
15 de xuño 2018

Cerdedo-Cotobade abriu o proceso de licitación das obras de rehabilitación integral do novo local social de Filgueira, na parroquia cerdedense de Castro, por valor de 89.000 euros. Trátase do primeiro investimento municipal que sae a licitación ao abeiro da nova Lei de Contratos

Futuro local social de Filgueira
Futuro local social de Filgueira / Concello de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade abriu o proceso de licitación das obras de rehabilitación integral do novo local social de Filgueira, na parroquia cerdedense de Castro, por valor de 89.000 euros.

Trátase do primeiro investimento municipal que sae a licitación ao abeiro da nova Lei de Contratos.

O vicepresidente municipal, José Balseiros, e o concelleiro José Luis Crujeiras achegáronse ata o inmoble para analizar as distintas obras proxectadas, que servirán para restaurar por completo este edificio e preparar un espazo de 163 metros cadrados en dúas plantas como lugar común para toda a veciñanza e para o desenvolvemento dos seus eventos.

En concreto, na planta baixa haberá cociña de 22 metros cadrados e sala de actividades con 26, mentres que na primeira disporase dun salón de usos múltiples con 43 metros e dous aseos, un deles apto para discapacitados.

Agora, xa salvados todos os trámites e co proxecto licitado, ábrese un período ata o 4 de xullo para a recepción de ofertas por parte das empresas interesadas e tratarase de que a adxudicación se produza no mesmo mes de xullo co obxectivo de acelerar a obra.

O prazo de execución máximo para esta rehabilitación esta fixado para o vindeiro mes de febreiro, pero o goberno confía en acurtar estas previsións.

O edificio foi cedido pola comunidade de montes ao Concello por 25 anos para que se poida realizar esta completa restauración.