Reivindican "ferramentas" para que as mulleres poidan acceder "á metade do ceo"

Pontevedra
31 de marzo 2023

O Castelo de Soutomaior acolleu este xoves a segunda e última sesión do III Encontro Nacional de Políticas Públicas organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da Escola de Igualdade María Vinyals

III Encontro Nacional de Políticas Públicas
III Encontro Nacional de Políticas Públicas / Deputación de Pontevedra

O Castelo de Soutomaior acolleu este xoves a segunda e última sesión do III Encontro Nacional de Políticas Públicas organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da Escola de Igualdade María Vinyals. 

A coordinadora do encontro, Rosa Cobo, e a socióloga Marina Subirats ofreceron as conclusións das xornadas, nas que tamén se abordaron cuestións da axenda feminista de máxima actualidade como son as agresións sexuais, o machismo na pornografía e os ventres de alugueiro. Máis de 2.000 persoas seguiron estas xornadas por internet.

Durante o tempo de conclusións, a coordinadora Rosa Cobo lembrou que as xornadas se concibiron como "plurais ideoloxicamente pero homoxéneas no feminismo, e interxeracionais" e asegurou que "foron unha radiografía da sociedade na que vivimos" e salientou como a idea da paridade foi común a todas as mesas, coa conclusión de que "cando as mulleres temos que entrar nun espazo de dirección a través de eleccións somos maioría, pero cando entramos a través da cooptación –que un varón nos dea espazo– somos minoría". 

Remarcou que "o poder é un club masculino ao que é moi difícil acceder" e avogou pola "necesidade de políticas públicas para que quen se apropiaron do poder o compartan non ao 60-40%, senón ao 50%".

En canto ás temáticas abordadas no encontro subliñou que no marco da política as mulleres "non queremos estar nas listas senón facer as listas", nos medios de comunicación é preciso que a perspectiva feminista sexa transversal e, no eido da xustiza, "estamos fartas de que as leis falan de ‘aconséllase’ e ‘promóvese’: chegou o momento de que o poder político se dote de ferramentas que obriguen a que as mulleres poidamos acceder á metade do ceo".

Durante o tempo de conclusións, a socióloga Marina Subirats asegurou que "temos o diagnóstico case feito e sabemos o que acontece", pero "non somos suficientes, temos un teito e iso esixe estratexias colectivas para cambiar gran parte dunha sociedade que nos rexeita e ignora".

Subirats destacou que unha boa estratexia é a paridade, pero reinventada xa que "xurdiu como unha idea cuantitativa, e agora debe enfocar o cambio cultural profundo", e advertiu que "os cambios legais fanse efectivos no cuantitativo pero non no cualitativo".