Rematada a reforma da estrada que conecta a EP-0104 co cemiterio e a igrexa de Figueirido

Vilaboa
05 de xuño 2024

Investiuse medio millón de euros para humanizar este viario. O presidente da Deputación e o alcalde de Vilaboa visitaron o remate dunha obra que deixa unha estrada ampla e cunha senda peonil

Rematada a reforma da estrada que conecta a EP-0104 co cemiterio e a igrexa de Figueirido
Rematada a reforma da estrada que conecta a EP-0104 co cemiterio e a igrexa de Figueirido / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilaboa, César Poza, visitaron este mércores o remate da humanización do viario que conecta a EP-0104 co cemiterio e a igrexa de Figueirido.

"É un día importante para Figueirido porque esta obra é unha proba de que no marco da colaboración entre o Concello e a Deputación se executa unha obra que deixa unha estrada confortable, moderna e, sobre todo, onde os peóns poden camiñar dun xeito seguro", dixo Luis López.

Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza, sinalou que estas son unhas obras "moi demandadas polos veciños" que deixaron "un espazo humanizado que tamén é un punto de encontro". "Este tipo de obras o que fan é mellorar a vida de xente e esa ten que ser a nosa función", compartiron rexedor e presidente.

Os traballos centráronse nun treito de case 650 metros nos que se renovou a pavimentación do trazado e se construíu unha senda peonil de formigón coloreado. Ao mesmo tempo, implantouse un novo sistema de drenaxe de augas pluviais, renováronse as paradas de autobús, rehabilitouse o firme da estrada, instaláronse pasos de peóns sobreelevados, incorporáronse redutores de velocidade, creouse unha zona de convivencia entre peóns e vehículos de prioridade peonil e acondicionáronse as parcelas da contorna. 

O proxecto, que supuxo un investimento de medio millón de euros, foi financiado ao 100 % pola Deputación de Pontevedra. A través dun convenio de colaboración asinado co Concello, o ente provincial asumía o 70 % do custe, uns 350.000 euros, mentres que o 30 % restante recaería na administración municipal. Eses 150.000 euros foron tamén achegados pola Deputación a través dunha subvención ao abeiro do Plan Concellos. Con todo, o goberno local asumiu os custos das expropiacións, que roldan os 30.000 euros.