Rematan as obras de ensanche do camiño de Covas Alto

Cerdedo Cotobade
01 de decembro 2021

Leváronse a cabo traballos de asfaltado en quente, retranqueo de postes de telecomunicacións e canalización de augas pluviais

Rematan as obras de ensanche do camiño de Covas Alto
Rematan as obras de ensanche do camiño de Covas Alto / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar o proceso de ensanche e mellora do camiño de Covas Alto, na parroquia de Tenorio, que permitirá un acceso máis doado para vehículos de maior porte e tamén os de emerxencias.

As obras consistiron no ensanche do camiño así como no asfaltado en quente de todo o vial. Aproveitouse a ampliación para realizar un completo retranqueo dos postes de telecomunicacións existentes reubicándoos en mellores condicións para garantir a seguridade viaria tanto de vehículos como de viandantes.

Os traballos completáronse coa realización de novas cunetas e taxeas, así como a colocación de sistemas de recollida e canalización de augas pluviais que favorecen a conservación futura do vial e tamén o tránsito peonil nos días de choiva.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu a colaboración veciñal nesta obra "sobre todo a un propietario, a súa colaboración coa cesión do terreo necesario para ampliar o vial".