Rematan as obras de restauración do parque infantil de Barbeitos

Cerdedo Cotobade
23 de decembro 2022

Restauráronse varios xogos, ampliouse o espazo para máis aparatos ao tempo que se mellorou o chan para homologalo coas normas da Unión Europea

Parque infantil de Barbeitos
Parque infantil de Barbeitos / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisou o remate das obras de rehabilitación e ampliación do parque infantil de Barbeitos, instalado na parroquia de San Xurxo de Sacos, no que o Concello logrou un investimento duns 18.000 euros.

Os traballos realizados permitiron ampliar o espazo inicialmente adicado a acoller estes xogos infantís para incorporar novos aparatos.

A empresa adxudicataria procedeu a substituir o vello valado existente por outro novo en madeira, acondicionou o chan con caucho para poder pasar a homologación das normas de seguridade da Unión Europea e dotouno de herba artificial para mellor o seu aspecto mantendo o acolchado por debaixo do tapiz.

En canto aos aparatos de xogos, sinalar que se restauraron tres e o resto son elementos novos entre os que salienta unha nova torre con forma de treneciño e que remata nun tobogán.

O alcalde, Jorge Cubela, sinalou a importancia de ter unhas instalación destas características en condicións xa que "este tipo de infraestruturas son moi necesarias para que os cativos teñan un espazo seguro onde divertirse e socializar cos seus compañeiros mediante o xogo".

Por outra banda, Cubela indicou que este tipo de actuacións van parellas co aumento poboacional rexistrado nos últimos tempos que permite que volva a haber presenza importante de cativos nos lugares do municipio que xustifican o investimento.