Remate das obras da nova rotonda de San Vicente do Grove

O Salnés
26 de agosto 2020

A estrada provincial entre O Grove e San Vicente conta deste xeito cunha ampla glorieta na intersección cos viais municipais de acceso a Lampáns e Vizocas, poñendo fin aos históricos problemas de inseguridade nun cruce complicado, tanto para os vehículos como para os peóns

Inauguración da rotonda de San Vicente do Grove
Inauguración da rotonda de San Vicente do Grove /

Co fin de regular o tráfico e axudar a reducir a velocidade nun treito de estrada que soporta unha forte densidade de tráfico durante o verán, remataban as obras na nova rotonda de San Vicente do Grove.

A estrada provincial entre O Grove e San Vicente conta deste xeito cunha ampla glorieta na intersección cos viais municipais de acceso a Lampáns e Vizocas, poñendo fin aos históricos problemas de inseguridade tanto para os vehículos, que alcanzaban importantes velocidades nun cruce complicado, como para os peóns, que tiñan moi difícil transitar pola zona. A obra contou cun orzamento de 210.586,88 euros, financiados integramente pola Deputación de Pontevedra.

A rotonda sitúase no punto quilométrico 5+150 da Estrada Provincial EP-9101. Cun diámetro exterior de 32 metros, inclúe sendas peonís laterais de 2,5 metros de ancho e comunicadas mediante pasos de peóns elevados para solucionar a mobilidade a pé. Dispón, ademais, dun novo sistema de iluminación cun báculo central de 9 metros de altura e catro proxectores con tecnoloxía LED. Esta actuación, así mesmo, serve para resolver problemas nas tubaxes de saneamento e auga, que quedaron adaptadas ás novas rasantes, deixando as infraestruturas adaptadas a posibles ampliacións no futuro.

Este mércores, os deputados provinciais Gregorio Agís e Noemí Outeda, acompañados polo alcalde do Grove, José Cacabelos, visitaban a rotonda e procedían á súa inauguración.

Gregorio Agís cualificou a mellora como "unha obra fundamental para O Grove" e destacou que permite actuar nunha recta que invitaba á velocidade, un tramo que agora súmase ao modelo de estradas seguras da Deputación de Pontevedra. O deputado explicou que a Deputación ten 1.700 Km na rede provincial (máis que a suma da kilometraxe das estradas estatais e autonómicas) e está afrontando un forte investimento para corrixir "moitos anos de abandono" e actuar tanto en tramos urbanos como en aqueles que dan servizo a núcleos rurais, co obxectivo de tratar con igualdade ao territorio e contribuír a asentar poboación.

Pola súa banda, o alcalde de O Grove, José Cacabelos, destacou que esta obra é un novo exemplo de colaboración entre Administracións. "Levabamos moitos anos reclamando esta rotonda, polo que é de agradecer a sensibilidade desta Deputación, que escoita".

O rexedor lembrou que a estrada provincial ten unha lonxitude de 8 Km e une as igrexas do Grove e San Vicente e xa durante o anterior mandato acometeuse outra mellora importante para humanizar o treito entre o cruce de San Vicente e a igrexa. Cacabelos aproveitou a ocasión para anunciar que xa está a falar coa institución provincial para que se acometa un novo tramo entre Campos e Reboredo co obxectivo de dotalo dun carril peonil e para bicicletas.