Remo e atletismo no calendario do deporte escolar de Marín

Marín
01 de outubro 2019

Os concelleiros de Deportes, Antonio Traba e Antonio Caíña, recibiron a representantes do Servizo de Deportes da Xunta para planificar as actividades deportivas dos centros educativos

Reunión no Concello de Marín para organizar as actividades deportivas escolares
Reunión no Concello de Marín para organizar as actividades deportivas escolares / Concello de Marín

Marín volverá organizar durante este curso o campionato de remo escolar de ergómetro e a carreira Botón de Áncora. A visita de membros do servizo de Deportes do goberno autonómico en Pontevedra ao Concello para reunirse cos concelleiros de Deportes, Antonio Traba e Antonio Caíña, deu pé aos edís para anunciar a organización destes dous clásicos eventos do deporte escolar.

O primeiro dos eventos, a proba de remo, terá lugar o 15 de novembro; mentres que a carreira en cuxa organización participa a Escola Naval Militar de Marín, está fixada para o 22 de maio do 2020 e a participación está aberta a escolares desde primeiro de Educación Primaria ata segundo de Bacharelato.

Pola súa banda, desde o departamento autonómico explicaron as actividades que realizarán este curso, entre as que destacan as de piragüismo, de cros ou de atletismo en pista. Así mesmo, recibiron información sobre o funcionamento da clasificación para estas probas.