Renfe estrea o 27 de outubro o novo tren entre Pontevedra e Madrid por Santiago

Pontevedra
21 de outubro 2020

Renfe asegura que o novo tramo de alta velocidade, que permitirá ir aos trens a 110 quilómetros por hora, reducirá en 1 hora e 26 minutos o tempo de traxecto entre Pontevedra e Madrid. Quedará nunhas cinco horas e cuarto

Estación de tren de Pontevedra
Estación de tren de Pontevedra / Mónica Patxot

A posta en servizo do tramo de alta velocidade entre Zamora e Pedralba permitirá a Renfe activar o vindeiro martes 27 de outubro o novo tren que unirá Pontevedra e Vilagarcía de Arousa con Madrid a través de Santiago de Compostela.

Coa incorporación desta frecuencia, os servizos entre Galicia, Zamora e Madrid amplíanse a oito (catro por sentido) fronte os seis actuais. Farao ademais, segundo destaca Renfe, cunha redución do tempo de viaxe ata a capital de España.

En concreto, Renfe asegura que o novo tramo de alta velocidade, que permitirá ir aos trens a 110 quilómetros por hora, reducirá en 1 hora e 26 minutos o tempo de traxecto entre Pontevedra e Madrid. Quedará nunhas cinco horas e cuarto.

Ademais, con este tren Vilagarcía de Arousa contará desde este momento cun tren Alvia directo con orixe ou destino en Madrid.

O tren sairá a diario desde a estación de ferrocarril de Pontevedra ás 5:45 horas da madrugada e chegará a Madrid minutos despois das once da mañá, ás 11:07. Á inversa, sairá de Madrid ás 18:20 horas e chegará a Pontevedra ás 23:35 horas.

A estación pontevedresa manterá ademais un segundo tren diario a Madrid, neste caso a través de Vigo, que sairá ás 14:52 horas e chegará á capital española ás 21:10 horas. De Madrid sairá ás 7:15 horas e o traxecto concluirá en Pontevedra ás 13:35 horas.

Os prezos dos trens, iso si, veranse incrementados nunha media do 5% sobre a tarifa xeral, para adaptalos ás novas condicións da infraestrutura. Renfe asegura que seguirá ofrecendo prazas promocionais con descontos que van do 30% ao 70%.

A maiores, Renfe anuncia que a partir do próximo martes aumentarase a frecuencia do corredor atlántico cun novo tren entre Santiago e Vigo, que farán traxecto de ida e volta. Ademais un servizo Vigo-A Coruña que circulaba de luns a venres, ampliará os días de circulación aos sábados e domingos e pasará a ser diario.