Renfe pon á venda máis de 39.000 billetes semanais nos servizos de Alta Velocidade Galicia-Madrid

Pontevedra
18 de abril 2024

Saen este xoves á venda cunha campaña de ‘Superprecios’, con 33.000 billetes desde 18 euros nos novos servizos AVE no corredor Galicia-Madrid, con compra anticipada de dez días

Interior dun dos trenes Avril
Interior dun dos trenes Avril / Renfe

Renfe ampliará a partir do 21 de maio a súa oferta de servizos de Alta Velocidade Galicia-Madrid a máis de 39.000 prazas semanais, coa posta en servizo dos trens S106 os coñecidos AVRIL, siglas de "Alta Velocidad Rueda Independiente Ligero". A chegada destes trens implica unha nova oferta comercial coa estrea do servizo AVE a Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. Os billetes póñense á venda este xoves día 18 de abril, acompañados dunha campaña de lanzamento con 33.000 billetes con ´Superprecios´ desde 18 euros.

A chegada dos novos trens Avril supón unha importante mellora en Galicia. Segundo asegurou o Ministerio de Trasportes, suporá: máis prazas ofertadas, mellores tempos de viaxe, máis prestacións e maior confort.  A nova oferta para viaxar entre diferentes puntos da comunidade autónoma galega e Madrid ascende a partir do día 21 de maio a máis de 39.000 prazas semanais, un 20,3% máis que a oferta actual.

Renfe porá en servizo un tren AVE por sentido na relación Vigo-Madrid, con tempos aproximados de algo máis de 4 horas no traxecto completo. Así, a saída desde Pontevedra será ás 9:46h e chegará á capital ás 13:34h. En sentido contrario, outro AVE partirá de Madrid ás 19:18h e chegará a Pontevedra ás 23:19h.

Ademais, un servizo AVE circulará de domingo a venres en ambos os sentidos entre A Coruña e Madrid, cun tempo de viaxe próxima ás 3 horas e media. A saída desde A Coruña será ás 19:50h, con chegada a Madrid ás 23:23h mentres que, á inversa, o AVE sairá da capital ás 14:41h e chegará á cidade herculina ás 18:14h.

A mellora nos tempos de viaxe nesta primar fase tradúcese en 16 minutos menos nos traxectos desde Vigo e A Coruña a Madrid, así como en 18 minutos de redución no tempo desde Santiago de Compostela á capital.

A chegada destes novos trens forma parte dunha primeira fase de posta en servizo dos trens Avril, axustada á reorganización dos servizos ferroviarios polas obras de ampliación de capacidade que Adif está a realizar na estación de Madrid Chamartín-Clara Campoamor. A oferta comercial cos Avril irá aumentando progresivamente en futuras fases.

Renfe asegura contar con persoal suficiente para empezar o servizo cos novos trens a partir do 21 de maio, xa que leva formando aos seus maquinistas e persoal de intervención a bordo dos S106 en diferentes residencias desde o pasado mes de xaneiro.

Para celebrar cos clientes a posta en servizo dos Avril, Renfe lanza este xoves 18 de abril, unha campaña de ‘Superprecios’ con billetes económicos desde 18 euros para os novos servizos AVE entre Galicia e Madrid, así como nas súas estacións intermedias.

A promoción de billetes, con compra anticipada de dez días, é válida para viaxar desde o día 21 de maio ata o 21 de xullo, con preto de 33.000 prazas promocionais en total nos novos servizos do corredor galego, que se prestan cos AVE S106.