A Consellería de Sanidade renovou co Concello de Sanxenxo o convenio de vivendas para médicos que pasen as vacacións na vila turística e traballen no centro de saúde. En 2022 realizouse unha proba piloto, que segundo ambas as administracións funcionou satisfactoriamente.
O goberno local entende que a proposta espertou "un gra interese" entre facultativos de fóra de Galicia. Desta forma, catro novos médicos reforza xa, desde o sábado 1 de xullo, o centro de saúde de Baltar.
Estes facultativos prestarán asistencia durante os meses de xullo e agosto ofrecendo unha consulta máis para desprazados en relación a veráns anteriores á covid. Ademais mantéñense dous médicos por garda do Punto de Atención Continuada (PAC), de luns a domingo, chegando a tres médicos durante as fins de semana, indican desde o Concello.
Será a administración local a que se faga cargo do aloxamento destes médicos durante a súa estancia por un total de 21.500 euros.
O goberno local lembra que se trata dunha medida temporal coa intención de que a asistencia médica non se vexa mermada polo crecemento de poboación que se produce durante os veráns en Sanxenxo, cando se quintuplica a poboación habitual de Sanxenxo.
A medida adoptábase en 2022 como "forma excepcional", mentres continúa a carencia de médicos de Atención Primaria.
BASE DA AMBULANCIA MEDICALIZADA
Tamén, desde o 1 de xullo e ata o 31 de agosto, o centro de saúde de Baltar repite como base da ambulancia medicalizada de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, que atende os concellos do Salnés, unha medida que xerou polémica tamén o ano pasado.
O PAC de Baltar contará, a partir dos próximos días, cun garda de seguridade na entrada co obxectivo, segundo o goberno local, de garantir a boa convivencia entre pacientes e facultativos.