A senda fluvial do río Lérez conta xa con novas pasarelas de madeira ao finalizar os traballos de restauración destes elementos. A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investía máis de 24.437 euros neste proxecto de reforma.
As pasarelas sobre as que se actuou son as situadas de maneira elevada na Rúa Holanda e no primeiro tramo do carreiro, entre a avenida de Bos Airese a estación de captación e bombeo de Monte Porreiro, segundo informan desde o Concello de Pontevedra.
Foi necesario arranxar e substituír os elementos que se atopaban danados, ademais de repoñer sistemas de ancoraxe. Tamén se limpou con auga a presión estas estruturas, cepillando e lixando a madeira, completado cun tratamento de autoclave e a aplicación do sistema de protección con lasur para que se prolongue a duración destas madeiras e reducir os gastos de mantemento.
A empresa Redenor foi a encargada de realizase estes labores do mesmo xeito que levar a cabo a poda en altura e a roza no acceso á pasarela elevada na avenida de Bos Aires. Nesa zona atopábanse pólas secas e residuos, que foron retirados.
O concelleiro responsable da área Iván Puentes destacaba que se está deseñando un proxecto para rehabilitar diversos tramos da senda fluvial que transcorre ao longo do Lérez, entre a estación de bombeo e a parroquia de Bora. Na actualidade estes puntos atópanse afectados pola erosión e as escorrentías e choivas do inverno. Tamén o pavimento presenta diversas fochancas.
A intención, segundo o concelleiro, é que poida presentar as mellores condicións para o seu emprego por parte da cidadanía durante a primavera e o verán.