O goberno municipal de Ponte Caldelas xa remitiu a Augas de Galicia o proxecto para renovar o campo de fútbol de Chan da Barcia, que quedou inutilizable tras as inundacións que se rexistraron no municipio o pasado mes de novembro.
Esta actuación, que sairá a licitación en canto a autorice o organismo autonómico, que ten que dar o seu visto e prace ao estar en terreos pegados ao río Verdugo, custará uns 306.000 euros.
O Concello destaca que o campo pasará a contar cunha base elástica de 15 milímetros de espesor pegada en quente, un método que evitará que volva flotar na auga.
A altura mínima do céspede será de 45 milímetros e cumprirá todos os requisitos fixados pola FIFA. Ademais, o recheo farase con area de cuarzo e granulado de caucho.
O proxecto deseñado por Ponte Caldelas incluirá ademais a substitución do actual sistema de rego por canóns emerxentes e a instalación de arquetas con filtros de retención, o que impedirá que se acumulen nelas as partículas de microplástico.
O céspede actual de Chan da Barcia, que está en bo estado, reutilizarase para crear cinco campos de fútbol de herba sintética de pequenas dimensións nos colexios Manuel Cordo Boullosa e A Reigosa e nas pistas polideportivas de Chan da Barcia, Caritel e A Reigosa.