Renovarán a rede de saneamento da Caeira cun investimento privado de 80.000 euros

Poio
13 de abril 2025

Un convenio entre o Concello de Poio, Zohe Home e o Club de Tenis permitirá solucionar os problemas de inundacións que afectan ás pistas deportivas e vivendas da zona

Sinatura do convenio da Caeira
Sinatura do convenio da Caeira / Concello de Poio

A problemática histórica das inundacións na zona da Caeira, en Poio, está preto de resolverse grazas a un acordo a tres bandas.

O Concello vén de asinar un convenio coa promotora Zohe Home e o Club de Tenis de Pontevedra para renovar as redes de pluviais e saneamento, unha actuación que suporá un investimento privado de preto de 80.000 euros.

A intervención, que será executada polo Concello sen custo para as arcas municipais, permitirá modificar o actual trazado das canalizacións, que discorren por parcelas privadas e baixo edificacións, dificultando o seu mantemento.

O novo percorrido trasladarase aos viais públicos, iniciándose na rúa Illa de San Simón e conectando coa rúa Valiña a través do extremo leste da parcela do Club de Tenis.

A actuación xorde ao fío da construción de 27 vivendas unifamiliares nas rúas Illa de Ons e Illa de San Simón por parte de Zohe Home.

A promotora, que asume o financiamento íntegro das obras, aproveitará os pozos de bombeo previstos para a nova urbanización para anular os colectores actuais, que se atopan ao final da súa vida útil.

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que esta solución beneficiará tanto ás novas vivendas como ás xa existentes, ao tempo que agradece a disposición da promotora e do Club de Tenis, que constituirá unha nova servidume de paso con carácter indefinido.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora