Reordenan diversos servizos municipais con motivo das obras de reforma do edificio do Concello

Poio
16 de marzo 2021

O Rexistro, o Padrón e Alcaldía pasan a situarse na planta baixa da Casa Consistorial, mentres que outros servizos trasládanse temporalmente ao Centro Cultural Xaime Illa ou ao Centro de Formación da Reiboa

Obras de reforma da cuberta da Casa do Concello de Poio
Obras de reforma da cuberta da Casa do Concello de Poio / Concello de Poio

Durante estes días desenvólvense as obras de reforma da cuberta da Casa do Concello do municipio de Poio. Estas obras, iniciadas a primeiros de ano, obrigan nesta fase para reordenar o persoal e a varios servizos municipais ao longo das próximas semanas.

No caso da área de Cultura, as dependencias municipais trasladaranse ao Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó. Outros departamentos trasladaranse de maneira temporal ao Centro de Formación da  Reiboa, na Seca (San Xoán), como sucederá co persoal de Cemiterios, Festas ou Medio Ambiente.

O Rexistro, Tesourería, Contratación, Alcaldía e o Padrón situaranse na planta baixa da Casa do Concello. No caso de Rexistro e Padrón xa se atopaban nesta zona desde hai uns días. En todo caso, para acudir de maneira presencial a estas dependencias será necesario solicitar cita previa, a través da páxina web municipal

Construcciones Orega SL é a empresa adxudicataria encargada de realizar as obras e actualmente os operarios desmontan a cuberta coa retirada da tella cerámica. Con estes traballos téntase mellorar a eficiencia enerxética grazas a un novo sistema de illamento que evitará as filtracións de humidade. Tamén se reformará a planta superior con novos espazos para despachos e almacén. Está previsto que estas obras remanten antes do verán.