Repararán a cuberta e a fachada da Escola de Cantería para acabar coas filtracións

Poio
01 de maio 2022

Uns 370.000 euros vai a investir a Deputación de Pontevedra nas obras de reparación da cuberta e da fachada da zona de aulas da Escola de Cantería, unha actuación pensada para dar solución aos problemas de filtracións que afectan ao confort e funcionalidade do edificio

Escola de Cantería
Escola de Cantería / Mónica Patxot

Uns 370.000 euros vai a investir a Deputación de Pontevedra nas obras de reparación da cuberta e da fachada da zona de aulas da Escola de Cantería, unha actuación pensada para dar solución aos problemas de filtracións que afectan ao confort e funcionalidade do edificio.

Así, a mala execución do tellado orixinal, de panel tipo sándwich, arranxarase instalando unha sobrecuberta, que se colocará sobre a actual, a partir dunha estrutura metálica que garantirá a continuidade estética e solucionará a problemática da entrada de auga.

Tamén se substituirá a rede de evacuación de augas pluviais e trasladarase o lucernario existente a unha nova posición que garanta a estanquidade.

No que respecta á fachada, vaise realizar un recubrimento illante e térmico que se aplicará sobre o exterior, mellorar os tubos de ventilación da cámara de aire e renovar as baixantes para arranxar a problemática de filtracións de auga.

Durante o 2020, a Deputación xa destinara outros 440.000 euros ao arranxo dos defectos da execución da Escola de Cantería. 

Solucionáronse os problemas de accesibilidade, garantindo o acceso peonil, dotando ao centro de prazas de aparcamento para persoas con diversidade funcional, adaptando aseos e vestiarios e substituíndo ramplas interiores, varandas e pasamáns para cumprir coa normativa. 

Ademais, e para facer fronte á contaminación acústica, construíronse falsos teitos acústicos e trasdosados illantes entre aulas e, en materia de seguridade, realizáronse melloras nas instalacións eléctricas e de protección contra incendios.