Reparten bonos para adquirir alimentos para o Nadal entre sete ONG da cidade

Pontevedra
18 de decembro 2020

Ata 15.000 euros destina o departamento municipal de Benestar Social a unha iniciativa solidaria que permitirá que sete entidades de Pontevedra, que atenden os colectivos máis desfavorecidos, reciban bonos para adquirir alimentos para o Nadal

Entrega de vales de compra ao Banco de Alimentos
Entrega de vales de compra ao Banco de Alimentos / Concello de Pontevedra

Ata 15.000 euros destina o departamento municipal de Benestar Social a unha iniciativa solidaria que permitirá que sete entidades de Pontevedra, que atenden os colectivos máis desfavorecidos, reciban bonos para adquirir alimentos para o Nadal.

Estes bonos repartiranse entre o Banco de Alimentos de Pontevedra, o Club de Leóns, a asociación O Mirador -que xestiona o banco de alimentos de Monte Porreiro-, Cáritas, o comedor de San Francisco, Rexurdir Provincial e o albergue de Calor e Café.

Os vales poderán cambiarse por comida e outros artigos de primeira necesidade no Hiper Froiz situado na rúa Cobián Roffignac.

Ata o almacén Banco de Alimentos desprazáronse o tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, para entregarlle ao seu responsable, José Luis Doval, un dos vales desta campaña solidaria.

O edil socialista asegurou que iniciativas coma esta garanten que neste concello "a ninguén lle falte un prato de comida", especialmente nestas datas tan sensibles.

Pola súa banda, o responsable do Banco Alimentos avanzou que mañá mesmo irán a cambiar os bonos porque "é necesario incrementar un pouco" o acopio de alimentos do almacén, xa que "hai uns días estaba cheo e que xa empeza a escasear".

"Estamos máis ou menos cubertos para o Nadal, porque vimos de despachar practicamente tódolos alimentos que tiñamos previsto repartir nestas datas", explicou Doval.