Repartición de 4.500 máscaras reutilizables entre os escolares de Pontevedra

Pontevedra
02 de febreiro 2021

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde iniciou este martes a distribución de máscaras reutilizables de talla mediana, pensadas para o emprego de escolares de Infantil e Primaria, e de 1.000 dípticos explicativos sobre como usalas correctamente

Primeira entrega de máscaras reutilizables no CEIP Álvarez Limeses
Primeira entrega de máscaras reutilizables no CEIP Álvarez Limeses / Concello de Pontevedra

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde iniciou este martes a distribución de 4.240 máscaras reutilizables de talla mediana, pensadas para o emprego de escolares de Infantil e Primaria, e de 1.000 dípticos explicativos sobre como usalas correctamente.

Previamente, a finais de xaneiro houbo unha primeira entrega de 260 máscaras e 100 dípticos no CEIP Álvarez Limeses.

Este envío de material de prevención contra a covid-19 enmárcase dentro do programa 'Enmascárate', impulsado polo tenente de alcalde e edil de Educación, Tino Fernández, que en poucos días completará o envío de máscaras reutilizables aos colexios ata completar un total de 4.500 unidades de protección.

A repartición estase a realizar entre os 15 centros escolares de Pontevedra que o solicitaron: CEIP Cabanas-Salcedo (40 unidades), A Carballeira-Lourizán (80 unidades), Froebel (480), Daría Portela (60), San Benito de Lérez (360), Ponte Sampaio (200), Marcón (360), Campolongo (860), Álvarez Limeses (outras 60, co que sumarían 320), Manuel Vidal Portela (420), Parada-Campañó (280) e Santo André de Xeve (220), o CEP Marcos da Portela (620) e as EEI Fina Casalderrey (120) e Verducido (20).

O concelleiro Tino Fernández lembra que, a maiores desta remesa para os colexios, hai unha partida de 1.500 máscaras reutilizables "para as entidades sociais do concello que o soliciten".