Representantes de múltiples colectivos, pendentes do novo sistema de reciclaxe

Pontevedra
15 de abril 2016

O Museo acolleu a presentación pública do proxecto de recollida de lixo alternativo a Sogama, que propón o Concello de Pontevedra. No acto interviron o alcalde e do especialista en compostaxe Carlos Pérez

Xuntanza para explicar o sistema de compostaxe en Pontevedra
Xuntanza para explicar o sistema de compostaxe en Pontevedra / Mónica Patxot

Máis dun cento de representantes de asociacións veciñais tanto da contorna urbana como rural, de comunidades de montes e doutros colectivos participaron na reunión convocada polo Concello no Sexto Edificio do Museo, onde se realizou unha presentación pública do proxecto do novo sistema de tratamento e recollida de lixos de Pontevedra.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, foi o primeiro en intervir para explicar que esta proposta alternativa a Sogama era unha aposta desde que chegou á alcaldía e que se verá executada ao longo deste mandato.

De feito, durante esta reunión o goberno municipal avanzou que, o próximo mes, comezarán a funcionar os composteiros comunitarios de Monte Porreiro e Campañó. O resto de barrios e parroquias do rural iranse incorporando a este sistema de recollida de orgánicos de forma paulatina ata 2017. Ademais, o próximo curso comezarase a traballar neste sentido tamén desde os colexios do municipio.

Pola súa banda, Carme da Silva, concelleira de Medio Ambiente, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, o coordinador de Participación Cidadá, Alberto Oubiña e o experto asesor de compostaxe, Carlos Pérez, tamén interviñeron para explicar os detalles deste proceso.

Os participantes incidiron na importancia que terá a implicación veciñal para que este sistema convértase nun éxito. Neste sentido, explicaron na necesidade de acometer unha boa separación dos residuos e na participación dos cidadáns.

"A idea é que as asociacións de veciños teñen un papel central. É un reto colectivo e creo que imos ser capaces de facelo", sinalou o alcalde.

A partir de maio está previsto que leven a cabo sesións informativas nos barrios e nas parroquias nas que se expoñerá o proxecto, os procedementos e os tempos que se seguirán co obxectivo de que o sistema se implante no prazo dun ano.

Actualmente recíclanse ao redor dun 8% dos residuos en Pontevedra, segundo explicaron. O obxectivo que se propón o goberno local é superar o 70%.