Rescatan catro cachorros abandonados nunha caixa ao carón dun contedor de lixo de Vilaboa

Vilaboa
13 de novembro 2023

O  Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu nos últimos días esta camada de dúas femias, Rosalía e Flabia; e dous machos, Aldán e Anxo. Estímase que teñen preto de vinte días de vida e atópanse en boas condicións

Cans rescatados nun contedor de lixo de Vilaboa
Cans rescatados nun contedor de lixo de Vilaboa / Deputación de Pontevedra

O  Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu nos últimos días unha camada de catro cachorros que apareceron abandonados nunha caixa xunto a un colector de lixo en Vilaboa.

Segundo a información facilitada pola Deputación, son dúas femias, Rosalía e Flabia; e dous machos, Aldán e Anxo.

Estímase que teñen preto de vinte días de vida e atópanse en boas condicións.

A Deputación deu a coñecer este rescate este luns ao mesmo tempo que informa de que a Xunta de Galicia concedeu ao CAAN unha achega por preto de 37.000 euros para financiar os gastos derivados de esterilizacións de cans, identificacións con microchip, compra de alimentos e vacinacións realizados nas instalacións da Armenteira.

Todos os cans que saen do centro en adopción fano vacinados, identificados con chip, desparasitados e esterilizados.

Entre o 1 de setembro do 2022 e o 31 de agosto deste 2023, realizáronse un total de 808 identificacións e 394 esterilizacións.

En total, recolléronse 1.511 animais nos 52 concellos adheridos a este servizo na provincia.