Rescatan en bo estado aos 11 tripulantes dun buque de Marín afundido no Gran Sol

Marín
01 de xuño 2022
Actualizado: 18:18

Segundo confirmou Salvamento Marítimo, o barco sufriu unha vía de auga cando faenaba a 64 millas suroeste de Cabo Mizen (Irlanda). Os seus 11 tripulantes puideron ser rescatados en bo estado polo pesqueiro Armaven Uno, tamén con base en Marín

Lugar do afundimento do 'Piedras' en Irlanda
Lugar do afundimento do 'Piedras' en Irlanda / Salvamento Marítimo

O buque 'Piedras', con base en Marín, sufriu un naufraxio na mañá deste mércores cando faenaba en augas de Gran Sol, no sur de Irlanda. No momento do incidente había a bordo 11 tripulantes que puideron ser rescatados. 

Segundo confirmou Salvamento Marítimo, o 'Piedras', que navega baixo bandeira británica, sufriu unha vía de auga cando faenaba a 64 millas suroeste de Cabo Mizen (Irlanda). 

Os seus 11 tripulantes, a maioría deles de nacionalidade española, puideron ser rescatados en bo estado polo pesqueiro Armaven Uno, tamén con base en Marín. 

Nun primeiro momento, nove dos mariñeiros foron rescatados e quedaron a bordo o patrón e o xefe de máquinas para tratar de salvar o barco, pero este escorou demasiado e ante a imposibilidade de taponar a vía de auga ambos foron tamén evacuados. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, confirmou que quedaron no barco "achicando auga". 

O servizo de Gardacostas de Irlanda afirmaba poco despois do sinistro que o barco aínda non afundira de todo, pero perdeu o motor e atopábase en chamas. Segundo informaban a través de Twitter, ao buque entráballe auga e perdera propulsión. Quedou á deriva con lume a bordo e unha forte escora de babor.

Pero seis horas despois de emitirse o sinal de socorro, sobre as 16:25 horas, o 'Piedras' acabou afundindo no fondo do Gran Sol. Os medios de rescate puideron recuperar a radiobaliza. 

 

O operativo de rescate coordinárono os centros de salvamento MRCC Falmouth (Reino Unido) e MRCC Valentia (Irlanda), que enviaron á zona medis aéreos e buques. As autoridades irlandeas enviaron a unidade R116 con dúas bombas de achique. O Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítmo fixo seguimento desde España.

O 'Piedras', un barco construído en 1976 que pertence ao grupo Noray Pesca, partira de Marín o pasado 16 de maio e o seu último porto antes do afundimento foi o de Castletownbere, en Irlanda, de onde partiu o pasado domingo 29.

Os once tripulantes do barco, sete españois -a maioría deles galegos-, dous marroquís e dous ganeses, chegarán a terra sobre as dez da noite. Entre eles hai, polo menos, catro veciños de Marín, Serían o patrón Ángel Landín Muradas, o xefe de máquinas José Antonio Farto García e os mariñeiros Jo Baidou e Ebenezer Nii Agyei Tawiah.