O helicóptero Pesca I do Servizo de Gardacostas de Galicia rescatou a última hora deste sábado un home ferido na illa de Ons.
Trátase dun traballador do Parque Nacional das Illas Atlánticas que caeu nunhas rochas, de maneira que o rescate só era posible por vía aérea.
Un compañeiro do ferido alertou ao 112 Galicia pasadas as oito da tarde indicando que caera por un desnivel rochoso de catro metros de profundidade.
Estaba en Ons, fronte ao illote das Freitosas, e desde o 112 avisaron a Salvamento Marítimo, que confirmou a saída do equipo do Pesca I. Ademais, pre alertouse aos Bombeiros do Morrazo e a Garda Civil.
Os rescatadores sacaron o ferido das rochas e conducírono ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para que recibira a asistencia sanitaria necesaria.
Segundo a información facilitada polo 112, sufriu varios golpes en cabeza, brazo e costelas e unha forte conmoción.