Rescatan o cadáver dun golfiño varado na praia de Lapamán

Bueu
19 de xullo 2016

Todo ocorreu sobre as 17.00 horas, un momento da tarde no que a asistencia á praia é máxima. Os bañistas que o avistaron indicaron que se trataba dun animal que estaba a flotar a uns 200 metros da praia, de modo que para o seu rescate foi necesario que se trasladase ata Bueu a patrulleira Curvo Mariño da Garda Civil do Mar

Golfiño que apareceu varado na praia de Lapamán
Golfiño que apareceu varado na praia de Lapamán / Guardia Civil de Pontevedra

Os bañistas que se atopaban este martes na praia de Lapamán, en Bueu, atopáronse cun elemento pouco habitual nesta zona das Rías Baixas: un golfiño varado a escasos metros da area. O animal estaba morto e o seu achado derivou en varias chamadas de alerta dos cidadáns aos servizos de emerxencia e un posterior rescate por parte dunha patrulleira do servizo marítimo da Garda Civil. 

Todo ocorreu sobre as 17.00 horas, un momento da tarde no que a asistencia á praia é máxima. Os bañistas que o avistaron indicaron que se trataba dun animal que estaba a flotar a uns 200 metros da praia, de modo que para o seu rescate foi necesario que se trasladase ata Bueu a patrulleira Curvo Mariño da Garda Civil do Mar. 

A patrulleira recolleu o golfiño morto e trasladouno ata o porto de Bueu, onde xa o deixou a diposición da Policía Local da localidade. Os axentes custodiarán o cadáver ata que este mércores se desprace ata a zona o persoal da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), organización dedicada ao estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariños de Galicia.