"Se hai unha posibilidade realista de asumir eses servizos mediante xestión pública, farémolo". Así respondía o goberno municipal, por medio do concelleiro César Mosquera, á moción presentada por Marea para que o Concello non renove os contratos de abastecemento de auga e recollida de lixo cando en 2017 termine a súa concesión e aposte por remunicipalizalos e xestionalos directamente.
Luís Rei, portavoz de Marea, sinalou que ambos os servizos, xestionados por Viaqua e Ferrovial Servizos, teñen actualmente un custo próximo aos 12 millóns de euros anuais. A eles habería que sumar outros servizos básicos que en Pontevedra tamén xestionan empresas privadas e que, sucesivamente, tamén se deberían rescatar.
"Somos un dos poucos casos que temos o paquete completo privatizado", apuntou Rei durante o pleno celebrado no Teatro Principal. Estas necesidades básicas que cobren estes servizos "non deben estar en mans de empresas privadas que antepoñen os intereses dos seus propietarios e accionistas aos intereses dos veciños", sinalou.
Marea insta o goberno municipal a ordenar a realización dos estudos técnicos, xurídicos e económicos necesarios para determinar a forma máis adecuada de xestión destes servizos, que en todo caso sempre serían públicos e dirixidos desde as administracións públicas.
O edil do PSOE Iván Puentes coincidiu en destacar a "oportunidade" que se presenta coa fin dos dous contratos en 2017 e pediu que a final de ano con datos "claros e concretos" dos informes que se realicen "se poida tomar a decisión máis acaída" que, de entrada, para os socialistas, tamén pasa por asumir estes servizos. "Hai que poñerse as pilas e facelo xa", explicou.
Tamén María Rey apelou a eses informes técnicos para valorar a decisión para tomar, mentres que César Abal (PP) lembrou que o rescate destes dous servizos de auga e recollida de lixos xa foron expostos no pasado sen éxito polos populares.
A pesar da predisposición do BNG para estudar esta posibilidade, Mosquera lamentou o "triplo salto mortal" de Marea con esta moción -que de aprobarse incluiría o apoio deste partido ao plan de compostaxe municipal-, polo que o nacionalista achacou esta moción á "mala conciencia" dos edís de Marea por opoñerse a este sistema.
Ao final, a votación sobre esta cuestión aprazouse ata o pleno do próximo mes de xuño, no que Marea presentará dúas mocións para que a remunicipalización do abastecemento de auga e da recollida de lixos poida votarse por separado.