A veciñanza da Rúa Leandro del Río Carnota, unha vía que se atopa paralela nun tramo á estrada Nacional 550 e que é empregada por numerosas persoas para acceder ao centro de saúde situado na parroquia de Lérez, demandan do Concello de Pontevedra unha intervención inmediata para que limpen toda a contorna.
Un dos residentes nesta zona da cidade asegura que as silveiras ocupan parte da calzada por onde acceden aos seus domicilios e é imposible pasar “sen raiar o coche”.
Aseguran que toda a zona leva máis de ano e medio sen que os servizos municipais realicen unha limpeza en condicións, malia as demandas veciñais.
“É un encordio”, afirma un veciño que manifesta que esta situación tamén afecta a persoas que residen nas rúas Médico Ballina, Rúa da Torre e Barriga Verde. Quéixanse de que o Concello ten abandonado este punto da cidade e reclaman medidas para evitar que a vexetación e maleza continúen crecendo en determinadas leiras ou nos bordos das vías ata o punto de que dificulte o paso pola calzada.
O problema preocupa aínda máis despois do incendio que se producía este luns nunha leira da Gándara, outra zona da parroquia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.