Residentes da Rúa do Santo quéixanse polos cascallos deixados na vía pública tras a limpeza das canalizacións

Pontevedra
22 de maio 2025
Actualizado: 18:36

A veciñanza desta zona lamenta a presenza de residuos na contorna tras a intervención de Viaqua hai tres semanas para limpar as tubaxes nunha zona que sofre inundacións con frecuencia

Restos dos residuos das canalizacións na Rúa do Santo
Restos dos residuos das canalizacións na Rúa do Santo / PontevedraViva

Os veciños da Rúa do Santo, na parroquia pontevedresa de Lourizán, elevaron novamente as súas queixas polo que consideran un "abandono do rural" por parte das administracións públicas ante os problemas recorrentes de inundacións que sofren desde hai anos.

Segundo denuncian os residentes, o 30 de abril Viaqua, empresa concesionaria do servizo de xestión do ciclo da auga no Concello de Pontevedra, enviaba un camión para limpar as canalizacións da zona, unha actuación que a veciñanza considera "insuficiente" e que, ademais, deixou na rúa restos de pedras, area, tellas, lodo, pezas téxtiles de gran tamaño e mesmo un balón que os operarios atoparon no interior da canalización.

Segundo sinalan, estes residuos permanecen abandonados fronte ás vivendas tres semanas despois dos traballos.

Camión de Viaqua na Rúa do Santo
Camión de Viaqua na Rúa do SantoPontevedraViva

"Se os veciños deixamos residuos diante dunha propiedade allea ou en solo público recibiriamos unha sanción por parte do Concello", lamentan os afectados, quen non comprenden por que a administración local non aplica os mesmos criterios á empresa.

Esta situación agrava o malestar duns veciños que sofren numerosas inundacións na zona. Unha das máis importantes rexistrábase o 8 de xaneiro, a primeira de 2025, cando unha tormenta matinal provocou o colapso da rúa malia que as precipitacións nin sequera alcanzaron o limiar de alerta amarela.

Naquela ocasión, os residentes quedaron atrapados nos seus fogares ata que técnicos de Viaqua procederon a abrir as tapas de rexistro para facilitar o desaugadoiro.

O problema, segundo denuncian os afectados, radica no deficiente mantemento do río canalizado que atravesa a zona, unha responsabilidade compartida entre Augas de Galicia e o Concello de Pontevedra.

As canalizacións "obstrúense constantemente por falta de mantemento", afirman os residentes, provocando inundacións con frecuencia como as sufridas tamén en setembro e marzo de 2024 e decembro de 2023.

Material atopado na canalización que permanece na vía pública
Material atopado na canalización que permanece na vía públicaPontevedraViva

Este mesmo xoves 22 foi retirado todo o material da vía pública, segundo informaron veciños da Rúa do Santo a PontevedraViva.