A parroquia de Ardán xa ten resolto o problema de saneamento grazas á clausura da depuradora e á inauguración do novo colector que se realizou durante a mañá deste venres. Estes traballos tiveron unha invesión de cerca de180.000 euros, con cargo ao remanente de Tesourería municipal.
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acudiron ata o lugar acompañados de representantes veciñais para comprobar o bo funcionamento desta nova instalación, que supón un antes e un despois para o saneamento de Pastoriza, conectando o seu novo colector con Picotes.
A posta en marcha deste proxecto chega despois dunha reunión coa veciñanza, onde se consensuou clausurar a depuradora que había na zona pola súa ineficacia (confirmada de xeito recurrente por informes técnicos). A partir de aí decidiron instalar unha nova canalización, coa que poder prestar este servizo con calidade para os veciños e veciñas de Ardán.
A rexedora explicou que "proxectos coma este son fundamentais para o noso rural, que está tan poboado e que debe ter nas mesmas condicións que o casco urbano os servizos esenciais".
Novas, pola súa banda, engadiu tamén a necesidade de actuar neste caso, "xa que os veciños e veciñas de Pastoriza trasladábannos esta demanda de xeito recurrente porque a antiga depuradora daba problemas con demasiada frecuencia e iso complica moito a calidade de vida e a habitabilidade".