Resolven unha estafa de falsos seguros de coche a través de internet con vítimas en Marín

Marín
21 de marzo 2023

Unha investigación conxunta das comisarías da Policía Nacional de San Andrés del Rabanedo (León) e de Marín permitiu esclarecer múltiples estafas por internet nas que os sospeitosos simulaban seguros falsos de vehículos. Os presuntos autores eran dous e foron identificados e investigados. Vivían e operaban desde Madrid

Comisaría da Policía Nacional de Marín | ARQUIVO
Comisaría da Policía Nacional de Marín | ARQUIVO / Mónica Patxot

Unha investigación conxunta das comisarías da Policía Nacional de San Andrés del Rabanedo (León) e de Marín permitiu esclarecer múltiples estafas por internet nas que os sospeitosos simulaban seguros falsos de vehículos.

A investigación policial concluíu coa identificación de dúas persoas como presuntos autores das estafas

A orixe das pescudas son unha serie de denuncias interpostas nas comisarías de Marín e San Andrés del Rabanedo, na que diferentes persoas denunciaban estafas no contrato dos seguros para os seus vehículos.

Os imputados anunciaban unha suposta "correduría de seguros" a través dunha rede social e ofrecían seguros económicos para vehículos.

As vítimas contactaban cos estafadores, realizábanlles unha suposta simulación do seu seguro e ofrecíanlle unha oferta "económica e dificilmente rexeitable". Finalmente, chegaban a un acordo entre as partes e xestionábase o pago vía plataformas de pago instantáneo.

As vítimas pagaban, coa consecuente perda económica, pero en realidade non se daba de alta seguro algún.

Algunha vítima, por descoñecemento, mesmo circulou sen o seguro e foi advertido e sancionado por patrullas policiais por carecer do mesmo, cos consecuentes problemas administrativos e económicos.

Os presuntos autores vivían e operaban desde Madrid.

A Policía Nacional lembra que esta modalidade de estafa informática a través de diferentes redes sociais e páxinas de anuncios de compra-venda é moi usual nos últimos anos e pide á cidadanía a adopción de medidas útiles de prevención, tales como a comprobación por un segundo medio de todos os datos achegados, utilizar medios de pago reversibles ou pedir asesoramento externo neste tipo de compras ou investimentos.