Respaldo de Galicia Calidade á campaña de promoción de produtos do mar da Asociación Galega de Depuradoras

O Salnés
19 de xuño 2024

A directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou este mércores na xornada de presentación dos produtos do mar da Asociación Galega de Depuradoras (AGADE) que tivo lugar en Cambados

Xornada de presentación dos produtos do mar da Asociación Galega de Depuradoras (AGADE) en Cambados

A directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou esta tarde na xornada de presentación dos produtos do mar da Asociación Galega de Depuradoras (AGADE) que tivo lugar en Cambados.

Esta campaña de promoción dos produtos galegos e da concienciación a respecto do consumo dos produtos do mar púxose en marcha no principio do ano e percorrerá todo o territorio galego con diversas actividades e showcookings. Todo baixo o lema 'Consume do noso'.

Méndez destacou a importancia das certificacións de orixe e calidade, como Galicia Calidade, que lle achegan aos produtos amparados esa distinción e garantía nos mercados nacionais e internacionais.

Ademais puxo en valor o traballo que se está a realizar para reforzar o papel turístico da enogastronomía.

A campaña está impulsada por AGADE, entidade que defende os intereses da cadea de valor vinculada á depuración e comercialización dos produtos do marisqueo e a acuicultura e que está formada por 45 empresas cunha facturación anual de máis de 300 millóns de euros, superando os 1.000 empregos directos.