O proxecto Go Plasmowine, no que participa a Estación Fitopatolóxica Areeiro, vén de recibir o respaldo da Unión Europea coa concesión dunha subvención 180.000 euros.
Ademais de Areeiro, os socios que participan neste proxecto son a nigranesa Monet Viticultura, a adega Viña Costeira, a Fundación Empresa-Universidade Galega e a Universidade de Vigo. En concreto, a Estación Fitopatolóxica Areeiro recibirá para o seu desenvolvemento ata 2024 un total de 42.000 euros para realizar as súas funcións, é dicir, o 100% do orzamento.
A intención de Go Plasmowine é desenvolver un novo sistema de apoio á toma de decisións para poder determinar o momento óptimo para a aplicación dos tratamentos contra o mildio da vide, unha enfermidade que compromete seriamente a produción e calidade dos viños da provincia de Pontevedra.
Para poñer a punto esta estratexia de control deste fungo o traballo desenvolverase desde diferentes puntos de vista con distintas variables bioclimáticas e biolóxicas que, combinadas de xeito adecuado, permitirán determinar a frecuencia idónea das aplicacións fronte á enfermidade. Desta maneira, cumprirase coa lexislación de uso sostible de fitosanitarios.
Na provincia de Pontevedra, o estudo levarase a cabo en parcelas da Denominación de Orixe Rías Baixas, nas que se recollerán datos meteorolóxicos locais e esporas de mildio presentes no ambiente, ademais de obter unha predición meteorolóxica local, rexistrar a fenoloxía, os manexos culturais realizados e os síntomas de enfermidades fúngicas.
CARMELA SILVA RECIBE Á ACTIVISTA BEA SALAZAR
A Deputación de Pontevedra puxo en valor o traballo de Bea Salazar a prol dos dereitos das mulleres nun encontro entre a activista salvadoreña e a presidenta, Carmela Silva, que tivo lugar no Pazo Provincial. A conversa xirou arredor da igualdade e o feminismo dende unha perspectiva global co fin de visibilizar o imprescindible liderado que exercen as mulleres como Bea Salazar nos países onde traballan as oenegués.
Durante o encontro ambas referíronse á situación que viven as mulleres no Salvador e intercambiaron agasallos. Ao encontro asistiron tamén a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e en representación da oenegué Carolina Lodeiro, Sara García e María Paz.