Respaldo "unánime" do BNG á candidatura de Lores: "Teño todo o ánimo do mundo", afirma o alcalde

Pontevedra
22 de setembro 2022

Advertiu que o seu non será un proxecto "a curto ou medio prazo". O rexedor pontevedrés adiantou que, a partir do próximo mandato, quere liderar unha "nova etapa" na que o BNG traballará para que a cidade avance "cara novos retos" que lle permitan seguir sendo unha referencia "en todo o mundo"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores optará, agora si oficialmente, a un sétimo mandato como alcalde de Pontevedra. A asemblea local do BNG apoiou por unanimidade a súa candidatura para as eleccións municipais de 2023, que se celebrarán en maio.

"Teño todo o ánimo do mundo", asegurou este xoves Fernández Lores, que afirmou que "nunca me atopei tan ben física, anímica e familiarmente desde que son alcalde". Tanto é así que, segundo advertiu, o seu non será un proxecto "a curto ou medio prazo".

O rexedor pontevedrés adiantou que, a partir do próximo mandato, quere liderar unha "nova etapa" na que o BNG traballará para que a cidade avance "cara novos retos" que lle permitan seguir sendo unha referencia "en todo o mundo".

Mellorar aínda máis a calidade de vida dos cidadáns, tanto no rural como no ámbito urbano, seguir reducindo os tráficos "innecesarios" que atravesan a cidade ou ver a ría "libre de Celulosas" son algúns destes desafíos esbozados ante a prensa.

"Estou moi orgulloso de todo ou que fixemos estes 23 anos, nos que Pontevedra avanzou moitísimo", apuntou Fernández Lores, que considera que unha "grandísima maioría" dos seus cidadáns apostan por seguir avanzando na transformación da cidade.

Tras tres anos "moi complicados" nos que o goberno municipal lidou coas consecuencias da pandemia, a crise enerxética ou a "carestía da vida", o alcalde espera "seguir aportando o meu gran de area para que en Pontevedra se poida traballar e vivir dignamente".

Iso si, augura que a próxima campaña electoral será "dura" ao enfrontarse con aqueles que recorren a "xulgados e fiscalías, escraches ou agresións" para defender intereses que, ao seu xuízo, "non son os da maioría da cidade de Pontevedra".

"Eu non lle teño medo a nada. Estamos convencidos do que estamos facendo. Somos xente honrada e traballadora. Xa poden buscar onde queiran", sentenciou Lores, que afirma que "o único que me preocupa é que se manipule a opinión pública con bulos e infundios".

Con respecto ao que o BNG se atopará na carreira electoral, o xa candidato nacionalista asegurou que "o que me dá pena é que non haxa un proxecto alternativo ao noso", ao ver no PP "bandazos dun lado para outro" froito da "incongruencia permanente" do seu líder.

"Se o principal partido da oposición dedícase a bombardear todo o que estamos facendo, vai custar moito máis facelo. Iso a min dáme pena e non estou de acordo", sostivo o alcalde, que entende que, en certas cuestións, "todos deberiamos estar de acordo e apoialas".

O que Fernández Lores non quixo avanzar é se o seu "dream team", como el define ao equipo que lle acompaña no goberno, repetirá na candidatura do BNG ou se haberá fichaxes, algo que dependerá "das necesidades, das capacidades e da dispoñibilidade de todos eles".

Esta candidatura integrarana "aqueles que teñan máis posibilidades de achegar a un goberno que quere que esta cidade siga o camiño da vangarda e da innovación", sinalou.

Iso si, preguntado expresamente por dous nomes crave no seu equipo, César Mosquera e Raimundo González, que lle acompañan desde os seus inicios, Lores foi claro. "Teñen unha capacidade de traballo bestial. Son persoas que a calquera alcalde lle gustaría que estiveran. Eu non quixera perder nunca persoas destas características", sentenciou.