A capela da Virxe dos Milagres, na illa de Cortegada, poderá visitarse xa na próxima Semana Santa, e contará con distintos usos como o de servir de centro de interpretación e recepción de visitantes ou o de exercer de punto de difusión cultural acollendo distintas actividades como exposicións, presentacións literarias, obradoiros, proxeccións cinematográficas, recitais de poesía, entre outras posibilidades.
Así o anunciaron este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que visitaron este xoves a illa de Cortegada, onde anunciaron a finalización das obras de rehabilitación integral deste templo tras un investimento da Xunta de 600.000 euros.
Os conselleiros asinaron un convenio de colaboración co que se pretende dotar a capela de contido e definir as iniciativas que pode albergar co fin de poñela en valor como un elemento máis do patrimonio cultural de Galicia e que estea a disposición tanto do conxunto da cidadanía da comunidade como dos visitantes.
Ángeles Vázquez salientou a importancia de recuperar a capela polo seu valor histórico e lembrou que esa rehabilitación do inmoble estivo acompañada dunha restauración ambiental da illa, que contou cun investimento de preto de 200.000 euros. Os traballos centráronse na erradicación de especies herbáceas e arbóreas exóticas, como os eucaliptos, e a adopción de medidas para a conservación de microhábitats de fauna xilófaga ameazada existentes na contorna.
Con ese obxectivo, actuouse en preto de catro hectáreas para erradicar a presenza do eucalipto -retirándose un total de 765 toneladas de madeira- e de acacias potenciando en paralelo outras especies autóctonas que enriquecen os ecosistemas como é o loureiro.
Nesta liña, na contorna da capela vanse plantar varios carballos, dos que o primeiro foi plantado hoxe mesmo polos dous conselleiros. Mentres, en canto aos microhábitats para xilófagos, construíronse pirámides de madeira en puntos estratéxicos co fin de facilitar a súa reprodución.

José López Campos, pola súa banda, enxalzou o esforzo do equipo encargado de rehabilitar a capela, que practicamente foi unha reconstrución, pois estaba en estado ruinoso. Neste senso, incidiu en que se trata dunha das actuacións máis ambiciosas acometidas nos últimos anos, pois supoñía recuperar a bóveda de canón, unha das primeiras realizadas en Europa no século XI.
Nesta liña, lembrou que antes da intervención se fixo un amplo estudo sobre como era o templo orixinalmente e realizáronse traballos arqueolóxicos nos que se rescataron pezas para a súa reutilización ao tempo que se construíu unha nova cuberta a base de madeira.
Os traballos completáronse con novas portas e fiestras así como con labores de saneamento e drenaxe do pavimento interior.
A maiores, procedeuse ao acondicionamento do exterior da igrexa -como o atrio, as escaleiras e o espazo que ocupaba o antigo hospital-, á realización da acometida eléctrica e á restauración ambiental da contorna.
O TEMPLO
A capela é de estilo renacentista, de planta rectangular, e nos seus inicios atraía a numerosos peregrinos, dos que moitos chegaban enfermos, polo que se construíu á súa beira un pequeno hospital. Non obstante, como estaba moi próxima á aldea, no século XVII o arcebispo de Santiago, Fernando de Andrade e Soutomaior, decidiu trasladala á súa localización actual para evitar que a presenza de peregrinos enfermos provocase a infección dos habitantes da illa.
Ese é o motivo polo que no arco da porta da igrexa se pode ver esculpido en pedra o escudo de Fernando de Andrade e Soutomaior. O conxunto arquitectónico do templo complétase cun cruceiro -de entre finais do século XVIII e principios do XIX- e a escalinata de acceso á igrexa. .
A ILLA
Cortegada é a illa máis pequena do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un espazo que se caracteriza pola súa riqueza ambiental, paisaxística e pola súa biodiversidade así como por ser un lugar de interese desde o punto de vista etnográfico e histórico.
Esta illa, agora deshabitada, contou con poboación ata as primeiras décadas do século XX, cando vivían uns 70 persoas (unha quincena de familias). Anos despois procedeuse a reconstruír boa parte das antigas casas co fin de poñer en valor esas edificacións e o conxunto da illa rememorando o seu pasado.