Restaurado o cruceiro de Casas Novas e colocado na nova ubicación

Pontevedra
01 de maio 2021

O cruceiro, que fora danado polo impacto dun vehículo hai 4 anos, está instalado nunha finca próxima ao emprazamento orixinal. O traslado foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio, tras a solicitude cursada polo Concello atendendo a unha petición da Asociación de Veciños

Cruceiro de Casas Novas
Cruceiro de Casas Novas / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda vén de supervisar os traballos de colocación do cruceiro de Casas Novas, en Mourente, nun novo emprazamento: unha leira particular moi próxima ao punto da beirarrúa no que se situaba orixinalmente. 

Este cruceiro, unha peza patrimonial catalogada, fora danado polo impacto dun vehículo en abril de 2017, quebrando o fuste e sendo retirado ante o risco de que o capitel se precipitase ao chan.

Convén lembrar que a causa do accidente, ademais da restauración da peza tamén se puxo en riba da mesa, por parte da Asociación de Veciños, a necesidade de colocalo nun lugar máis afastado da estrada, de cara a evitar novos percances e garantir a súa correcta conservación.

Atendendo a esta solicitude, o Concello iniciara os trámites perante a Dirección Xeral de Patrimonio para acadar a autorización pertinente para trasladalo, que finalmente foi concedida pero condicionada a que o cruceiro se manteña na mesma área.

Para cumprir este requirimento, un veciño cedeu parte dun terreo particular, situado a uns metros da ubicación orixinal.

O cambio de emprazamento correu a cargo dunha brigada municipal que retirou da beirarrúa a rocha que servía de base ao cruceiro e procedeu a arranxar o espazo deixando un itinerario peonil máis accesible e seguro. Ademais acondicionaron a finca na que unha empresa especializada en traballos arqueolóxicos colocou o cruceiro recén restaurado. A mesma empresa especializada foi a que se encargou da restauración da peza.

A reposición do cruceiro de Casas Novas vén sumarse á rehabilitación do cruceiro do adro da igrexa tamén na parroquia de Mourente, que se levara a cabo no outono de 2019.