Restauran o cruceiro de Meuterrón, en Verducido, danado polo golpe dun coche

Pontevedra
01 de decembro 2022

A mediados de decembro, o cruceiro de Meuterrón volverá a lucir en todo o seu esplendor. Os traballos para a súa restauración, impulsados polo departamento municipal de Patrimonio Histórico, avanzan a bo ritmo, o que permitirá devolver a Verducido parte do seu patrimonio

Restauración do cruceiro de Meuterrón, en Verducido
Restauración do cruceiro de Meuterrón, en Verducido / Concello de Pontevedra

A mediados de decembro, o cruceiro de Meuterrón volverá a lucir en todo o seu esplendor. Os traballos para a súa restauración, impulsados polo departamento municipal de Patrimonio Histórico, avanzan a bo ritmo, o que permitirá devolver a Verducido parte do seu patrimonio.

Esta peza artística sufrira danos importantes logo de golpear un vehículo a súa base, propiciando a caída do mesmo e escachando partes significativas da súa parte superior, como son a cruz e o capitel.

A veciñanza, que custodiou as pezas, permitiu a realización dun proceso de restauración e arranxo que está na súa fase final e que rematará coa volta do cruceiro ao mesmo punto.

A restauración derivou en varios procesos, como foi a adhesión das pezas rotas cunha resina epoxi, amais do amarre final con pernos de poliéster e unha reintegración con morteiro a base de cal.

Doutra banda, fíxose unha limpeza mecánica manual do cruceiro, non excesivamente intensiva, para así manter a capa natural embelecedora do monumento, como son os liques que habitan na súa pedra e que tamén teñen unha función de protección.

Segundo as estimacións dos técnicos, a peza podería ser do século XIX e mesmo dun tempo anterior. Un lado da cruz amosa unha imaxe de Cristo crucificado, namentres a outra mostra á Virxe da Soidade.

Os traballos de restauración, que se están a centrar estes días na base do cruceiro, elevándoa e agardando a recolocación do resto de pezas, foron realizados pola empresa pontevedresa BIC Materiales y Conservación.

Ademais, tamén será modificada a sinalización horizontal do lugar coa fin de reconducir o tránsito de vehículos e así reducir o risco dun eventual novo impacto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora