Restricións de tráfico en Doutor Tourón e Avenida de Cambados por asfaltado

O Salnés
18 de marzo 2023

Os traballos durarán tres días ao longo desta vindeira semana e o Concello de Vilagarcía de Arousa recomenda a entrada á cidade por Pablo Picasso, e a saída, por Agustín Romero

Operarios nunha intervención en Doutor Tourón
Operarios nunha intervención en Doutor Tourón / Concello de Vilagarcía de Arousa - Arquivo

A avenida do Doutor Tourón e o tramo inicial da avenida de Cambados terán tráfico restrinxido entre o luns e o mércores desta semana entrante

Os días 20, 21 e 22 vam fresar e asfaltar esta zona. Segundo informa o goberno local, para evitar o peche de todo o trazado, actuarase primeiro nun sentido e despois, no outro.

Estableceranse semáforos temporais e os operarios regularán o tráfico atendendo ao avance da obra. 

Ante esta situación, o Concello recomenda vías alternativas. Para saír da cidade cara ao sur piden que se utilice a avenida de Agustín Romero, partindo da glorieta da Mariña Española. Quen queira entrar procedente da circunvalación ou desde Sobradelo, a estrada vella de Cambados, debería realizalo por Pablo Picasso, partindo da rotonda do porto, xunto ao supermercado Eroski. Está prevista a instalación de carteis indicativos.

O goberno local lembra que a empresa que executa os traballos concluíu a reparación e ampliación das beirarrúas, onde haberá bancos e árbores; e as zonas de aparcamento. Unha vez asfaltados os dous tramos das avenidas afectas pintarase e sinalizarase verticalmente a zona. Tamén se restituirá o tramo de ciclovía.

Os cálculos sitúan na primeira semana de abril a finalización da obra realizada nas rúas adxacentes á rotonda. O investimento realizado ascende a case 180.000 euros, aos que se suma o custo do estudo técnico dunha enxeñería especializada en mobilidade.