Restricións de tráfico na contorna da praia fluvial o sábado polo Campionato Galego de Tríatlon Sprint

Pontevedra
19 de agosto 2021

Desde o Concello de Pontevedra sinalan que se agarda pouca incidencia na mobilidade xeral de tráfico na cidade ao coincidir a celebración deste campionato en horario de tarde e un sábado, pois son momentos nos que hai tráfico reducido na zona

Dispositivo de tráfico polo Campionato Galego de Tríatlon Sprint
Dispositivo de tráfico polo Campionato Galego de Tríatlon Sprint / Concello de Pontevedra

A contorna da praia fluvial de Pontevedra vivirá este sábado 21 de agosto entre restricións de tráfico con motivo do Campionato Galego de Tríatlon Sprint. A Policía Local de Pontevedra porá en marcha un operativo especial que incluirá limitacións de mobilidade e estacionamento. 

Desde o Concello de Pontevedra sinalan que se agarda pouca incidencia na mobilidade xeral de tráfico na cidade ao coincidir a celebración deste campionato en horario de tarde e un sábado, pois son momentos nos que hai tráfico reducido na zona. 

O dispositivo policial garante a mobilidade xeral e, en especial, para os residentes da zona afectada, que afecta ao acceso ao barrio de Monte Porreiro, a ponte dos Tirantes, o campus universitario e a avenida Compostela.

Segundo o operativo deseñado, queda prohibido o estacionamento de vehículos entre as 23.00 horas do venres 20 e o fin da proba en varias rúas, a avenida Bos Aires (entre a Ponte dos Tirantes e a Ponte das Palabras), Alexandre Bóveda (incluído estacionamento interior), a avenida Compostela (sentido saída da cidade, dende a glorieta de Alexandre Bóveda), Celso Emilio Ferreiro e varias vías do campus universitario. 

Ademais, dende as 8.00 horas da mañá do sábado 21 agosto quedará cortada a circulación na avenida Bos Aires entre a ponte dos Tirantes e a ponte das Palabras e a partir das 14.30 horas no resto do percorrido. 

Inicialmente, está previsto que o tráfico quede restablecido totalmente na zona arredor das 21.30 horas.

Para máis información, a cidadanía pode dirixirse ao voceiro da Policía Local no teléfono 986833080 en horario de 8.00 a 14.00 horas ou a través do correo electrónico [email protected].