O Concello de Sanxenxo informa do inicio da segunda fase de obras para instalar plataforma única no Paseo de Silgar.
Os traballos para instalar empedrado entre o tramo comprendido entre os cruzamentos da Rúa Ourense e a Rúa Rosalía de Castro comezarán este xoves 14 de maio, confirma o goberno local.
A actuación ocasionará restricións de tráfico na zona durante aproximadamente un mes, xa que o obxectivo é poder finalizar a obra o 15 de xuño.
Previuse un plan de tráfico alternativo, que implica o peche completo ao paso de vehículos do citado tramo do Paseo de Silgar.
Co obxectivo de xerar as menores molestias posibles a veciños e negocios, explica o Concello, habilitarase o dobre sentido nos viarios adxacentes de baixada e modificarase o sentido actual da Rúa Vigo.
Trátase dunha actuación valorada en 394.905 euros, cofinanciada coa Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo avanzar na accesibilidade peonil colocando unha plataforma única, eliminando o chanzo entre a rúa e a beirarrúa.
Está preista a incorporación de novo mobiliario urbano e outros elementos como xardineiras e bancos.
A plataforma única terá o mesmo deseño que a realizada no primeiro tramo con lastro prefabricado de cor azul de 10 centímetros de espesor para eliminar a barreira arquitectónica que actualmente supón o bordo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.