Retiran case media tonelada de lixo na primeira xornada de limpeza do río Gafos

Pontevedra
06 de xullo 2015

Axudados nesta ocasión por internos do centro penitenciario da Lama, os voluntarios de Vaipolorío lograron retirar case media tonelada de residuos da canle do río. De novo, plásticos, trapos vellos e todo tipo de desperdicios foron os principais elementos que lograron sacar do Gafos

Limpeza voluntaria do río Gafos, a cargo de Vaipolorío
Limpeza voluntaria do río Gafos, a cargo de Vaipolorío / Diego Torrado

Houbo un tempo, afortunadamente pasado, no que tirar as bolsas de lixo ao río Gafos era unha práctica habitual de moitos pontevedreses. O traballo realizado, entre outros, pola asociación Vaipolorío logrou recuperar ambientalmente todo este ámbito pero este colectivo entende que aínda quedan cousas por facer. E así, este domingo iniciaron unha nova campaña de limpeza voluntaria do río.

Axudados nesta ocasión por internos do centro penitenciario da Lama, os voluntarios de Vaipolorío lograron retirar case media tonelada de residuos da canle do río. De novo, plásticos, trapos vellos e todo tipo de desperdicios foron os principais elementos que lograron sacar do Gafos.

Divididos en grupos, cubriron unha ampla zona do río. Chegou a realizarse a limpeza no tramo medio do río, situado entre o albergue de peregrinos e o muíño de Cabanas (Salcedo) e no ámbito de Ponte da Condesa e Casal do Río cara ao seu nacemento en Figueirido. E como sempre con moito coidado para non danar o ecosistema da zona.

A boa noticia é que, polo menos este domingo, non volveron detectar as verteduras que se rexistraron nas últimas semanas. Son, segundo Gonzalo Sancho, de cor branca e prodúcense ocasionalmente na zona do Gorgullón. Vaipolorío entende que se deben a pintura e que non son extremadamente lesivos, pero instan a que se eviten a través da rede de rede de sumidoiros.

Esta campaña terá continuidade ata o primeiro domingo de agosto e a ela sumaranse, en cada unha das xornadas, outras catro agrupacións: Down Xuntos Pontevedra, a Asociación Juan XXIII, a comunidade educativa do Centro de experimentación de Lourizán e mozos do programa europeo Erasmus.