Retiran troncos e árbores para evitar asolagamentos no río Gafos

Pontevedra
15 de marzo 2015

Augas de Galicia dá por finalizada unha actuación para eliminar obstáculos do leito do río Gafos que tamén incluíu a roza de determinadas zonas e á retirada de residuos urbanos localizados nas inmediacións. En total actuouse nun tramo de 50 metros de lonxitude e estímase que o importe dos traballos se eleva a case 5.000 euros

Estado do curso fluvial antes e despois da execución dos traballos de limpeza
Estado do curso fluvial antes e despois da execución dos traballos de limpeza

Augas de Galicia dá por finalizada unha actuación para eliminar obstáculos do leito do río Gafos, evitando así posibles episodios de asolagamento en caso de choivas intensas. As tarefas consistiron na retirada de árbores caídas e troncos e ramas que provocaban atascos á altura do lugar do Marco, na parroquia de Tomeza.

Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, esta actuación de conservación fluvial no río Gafos ao seu paso por Pontevedra tamén incluíu a roza de determinadas zonas e a retirada de residuos urbanos localizados nas inmediacións.

En total actuouse nun tramo de 50 metros de lonxitude e Augas de Galicia estima que o importe destes traballos se eleva a case 5.000 euros. Estas accións están enmarcadas no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia está a desenvolver.