Retoman a petición da figura do profesional de enfermería escolar

Pontevedra
22 de setembro 2021

O colexio oficial de enfermería de Pontevedra, xunto cos de Ourense, A Coruña e Lugo, retomou esta vella reivindicación que outras organizacións levan tempo demandando. Lembran que esta figura é "sempre fundamental", pero, neste momento de pandemia mundial, é "imprescindible" para garantir unha contorna escolar saudable e seguro para o alumnado, o equipo docente e demais persoal do centro educativo

Persoal sanitario facendo test de Covid-19
Persoal sanitario facendo test de Covid-19 / Diego Torrado

Co inicio do novo curso escolar, o colexio oficial de enfermería de Pontevedra, xunto cos de Ourense, A Coruña e Lugo, retomou unha vella reivindicación que outras organizacións levan tempo demandando: a figura dun profesional da enfermería escolar e a súa implantación en todos os centros educativos de Galicia.

Nun comunicado conxunto, sinalan que xa hai esta figura en centros de Educación Especial e privados e/ou concertados e cren que debe estenderse a todos os centros educativos, onde frecuentemente teñen lugar situacións que fan necesaria a intervención dunha enfermeira e, ademais, poderían ter unha importante función educativa, pois ven fundamental que os nenos e nenas reciban desde unha idade temperá educación en hábitos de vida saudable.

Os colexios lembran que esta figura é "sempre fundamental", pero, neste momento de pandemia mundial, é "imprescindible" para garantir unha contorna escolar saudable e segura para o alumnado, o equipo docente e demais persoal do centro educativo.

Ademais, sinalan que as enfermeiras, que levan case dous anos na primeira fila da loita contra a Covid-19, "son as profesionais mellor preparadas para a xestión dos equipos Covid-19 de cada centro".

As entidades colexiais advirten tamén de que o profesorado do ensino non universitario de Galicia vese de novo obrigado a sumar ao seu labor docente a coordinación dos equipos Covid-19 de cada colexio, a interlocución coa administración e a elaboración dun Plan de adaptación  á situación Covid-19 individualizado para cada centro. Na súa opinión, "non se lle pode obrigar nin esixir estar preparado" para facer fronte a determinadas situacións como a prevención e identificación de casos, a rápida actuación ante posibles contaxios e protección de todo o alumnado, profesorado e resto de persoal do ámbito educativo, tarefas para as que a enfermeira escolar conta cos coñecementos e a formación adecuada.

Sinala, así mesmo, que cando as autoridades sanitarias dean o visto e prace á vacinación dos menores de 12 anos, a figura da enfermeira escolar permitiría trasladar os puntos de  inoculación aos centros educativos, axilizando o proceso e reducindo custos.